A Vila de Baiona, turística e mariñeira, sitúase ao sur das Rías Baixas, protexida do mar aberto por unha fermosa bahía. A benignidade do seu clima fai que durante todo o ano podamos desfrutar das suaves temperaturas.

A súa historia, tradición e costumes fan de Baiona o lugar idóneo para pasar unha curta ou longa estancia.Paseo de la playa Ribeira

Baiona é un lugar que invita ao acougo, cousa a que axuda tamén o conforto que ofrecen os diversos establecementos hoteleiros do concello. Dende pazos, hoxe convertidos en hoteis con encanto, ata modernas instalacións en primeira línea de praia, turismo rural, campisimo, etc., onde cada quen atopará a resposta ás súas necesidades.

Co mellor do mar e da terra, a nosa gastronomía combina a cociña tradicional da zona coas tendencias culinarias máis innovadoras. A gran calidade dos productos e o segredo da cociña que poderás gozar nos moitos restaurantes, mesóns e casas  de comida do concello de Baiona.

Historia e Cultura

O día 1 de marzo de 1493, arribou ao porto de Baiona a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, coa nova do descubrimento das Américas. Para conmemorar este feito organízase cada ano a Festa da Arribada. Durante o primeiro fin de semana de marzo, a vila trasládase ao medievo. Nas rúas do casco antigo e nos paseos dos arredores ofrécense os productos que se consumían no século XV. Músicos, xograres e malabaristas  e artesáns percorren eses días as rúas revivindo aquel feito. Numerosos monumentos testemuñan a arribada da Pinta, acontecemento que marcou a posterior  historia de Baiona. Hoxe en día, contamos cunha réplica desta carabela, que no seu interior conta cun pequeno Museo da Navegación.

Miradoiro Cortelliño

Unha ruta polo casco histórico, declarado Conxunto Histórico Artístico, permitiralles mergullarse nunha parte da historia de Baiona, visitando os seus innumerables pazos, capelas, igrexas, cruceiros, etc, nos cales se esconden antigas e fantásticas lendas.

Por este casco histórico transcorre o Camiño Portugués pola Costa, vella ruta costeira, estreado oficialmente no Ano Santo 2010.

Un dos emblemas da vila é a Fortaleza Monterreal, recinto  amurallado de tres km de lonxitude, que na actualidade alberga no seu interior o Parador Nacional Conde de Gondomar.

Natureza

Pola súa situación e características  as nosas praias son verdadeiramente especiais. Se ter praia a un paso non adoita ser unha circunstancia habitual, menos aínda o é ter seis. E, con todo, iso

sucede aquí. Todas elas están moi próximas á contorna urbana. Tranquilas, concorridas, abrigadas, abertas de augas plácidas ou axitadas: Baiona dispón de praias para colmar calquera apetencia. O longo litoral baionés, salpicado de cantís, espigóns e diques por onde o mar serpentea, é sempre un espazo aberto digno de admirar.

Tanto na contorna marítima como no da serra da Groba, Baiona dispón de amplos lugares de esparexemento. Os máis transitados son os paseos marítimos, tales como o Paseo Pinzón, Monte Boi ou Alfonso IX. Os parques que se atopan camiño da serra da Groba son igualmente ideais para o repouso. No parque Mercedes da Escaleira, superficie natural de 15000 metros cadrados, sitúase o maxestuoso monumento da Virxe da Roca

Os miradoiros do “Cortelliño”, “Chan da Lagoa” e “Chan da Arquiña”, en contacto coa fresca vexetación, son imprescindibles para deleitarse coa vista da nosa ría e do resto das Rías Baixas.

A estación rupestre “Outeiro do Lameiros”, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, constitúe un dos conxuntos arqueolóxicos de maior interese do suroeste de Galicia.

Na desembocadura do río Miñor atopamos a marisma da “Foz do Miñor”, complexo e dinámico ecosistema que forma parte da Rede Natura 2000.

Paseo Pinzón

As horas de lecer e a práctica deportiva en Baiona están rexidas por unha conxunción de tradición e modernidade.

Son moitas as posibilidades que a comaraca ofrece aos amantes dos deportes e actividades de lecer relacionadas coa natureza. Contamos con varias rutas de sendeirismo e paseos fluviais como a senda fluvial do río Baíña e a dos muiños de Baredo.

Baiona é un lugar moi propicio para a práctica dos deportes náuticos e iso constátao a presencia do prestixioso Monterreal Club de Iates e do Porto Deportivo de Baiona, que suman entre ámbolos dous, máis de 600 amarres.